Friday 17 de May de 2024

O Concello de Brión e a Universidade de Santiago ofrecen cursos de formación gratuítos para maiores de 50 anos


O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de marzo e os cursos terán lugar na primeira quincena de abril

O Concello de Brión e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha a segunda edición do programa “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”. Un programa gratuíto de formación universitaria dirixida a veciños e veciñas de Brión maiores de 50 anos.

O programa, froito dun convenio asinado entre ambas institución, inclúe tres sesións teóricas e dúas visitas, que terán lugar durante a primeira quincena de abril, así como a asistencia a un concerto da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia nunha data aínda por confirmar. As matrículas poderán formalizarse na Casa da Cultura de Brión (981 50 99 08) ata o 23 de marzo.

Programa

O programa formativo inclúe tres sesións teóricas, que terán lugar na aula de formación do centro social polivalente brionés os días 2, 3 e 5 de abril. A primeira sesión, titulada “Invitación a un concerto”, será impartida polas profesoras Silvana Longueira Matos e Laura Touriñán Morandeira, da Facultade de Ciencias da Educación da USC. A sesión do 3 abril, “Historia da cultura de Galicia”, correrá a cargo do profesor Rubén Castro Redondo, da Facultade de Xeografía e Historia da USC. Ambas clases teóricas terán lugar en horario de 17:00 a 18:30 horas.

A terceira clase, sobre “Medioambiente”, será impartido polos profesores da Facultade de Física da USC José A. Rodríguez Añón e Jorge Proupín Castiñeiras. Esta sesión terá lugar en horario de mañá, de 10:30 a 12:00 horas. Ao día seguinte, o venres 6 de abril, entre as 17:30 e as 18:30 horas, terá lugar unha visita ás Torres de Altamira, que estará guiada polo profesor Rubén Castro Redondo. Finalmente, o xoves 12 de abril, de 10:20 a 12:00 horas, terá lugar unha visita á EDAR de Sisalde, guiada polos profesores José A. Rodríguez Añón e Jorge Proupín Castiñeiras.

“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa organizado polo Concello de Brión e a Universidade de Santiago de Compostela, que contan coa colaboración da Consellería de Política Social e as Deputacións Provinciais da Coruña e de Pontevedra.